A Plataforma de Veciños/as O Cruceiro de Meá convoca unha Asemblea Aberta para o sábado 10 de novembro

8 de Novembro do 2007 publicado por ocruceirodemea

A plataforma de veciños de Meá, comunica a raíz das novas aparecidas nos diferentes medios de comunicación, o seguinte:

  1. A licencia outorgada no día de onte á Regasificadora do Noroeste, S.L., non legaliza a súa construcción nin a súa actividade. Recordamos que o sistema democrático imperante no Estado español se basa na separación de poderes, impartindo a xustiza o poder xudicial non a Administración. A día de hoxe, dúas setencias emanadas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, nos dan a razón anulando todo o proceso por non ter o estudo de impacto ambiental. Sentencias recurridas pola Xunta de Galicia e Reganosa ante o Tribunal Supremo, e que esta pendente de resolución.
  2. Que a licencia definitiva de actividade ten que ser concedida polo Concello de Mugardos, situación que a día de hoxe, aínda non se produxo, polo tanto esperamos que no último acto o Alcalde e o seu grupo de goberno sexa sensible á legalidade e a xustiza social non concedendo esa licencia, polo menos ata que se resolva o recurso que ten interposto a Xunta de Galicia e Reganosa ás sentencias do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
  3. Que as/os veciñas/os pechadas/os no Concello de Mugardos, celebrarán unha Asamblea Aberta a tódalas persoas e entidades que defenden a ilegalidade da planta de gas, na súa ubicación actual, o sábado, día 10 de novembro, ás 17:00h., esperando o seu remate para as 18:00h. Hora na que se celebrará unha rolda de prensa, na que participará a presidenta da Plataforma de Veciños/as de Meá, Luz Marina Torrente.

Á asamblea Aberta asistiran entre outros: Patricia Gabeiras, avogada do Comité de Emerxencia; Carmelo Teijeiro, Comité Cidadán de Emerxencia; Xan Mª Castro, secretario xeral do S.N. de CC.OO. de Galicia; Ramiro Otero, secretario xeral da Federación de Transportes e Comunicacións; Lola Gonzalez, secretaria de organización da Federación de servicios sociosanitarios de CC.OO. de Galicia; Xulio Abelleira, secretario xeral da U.C. de CC.OO. de Ferrol; Mabel Rivera e Enrique Banet, autores do documental “O salario do silelncio”; Xosé Manuel Beiras, membro da executiva nacional do B.N.G.; Lino Braxe, actor, Xurxo Souto, actor, Eva Veiga, escritora; Humberto Fidelgo, ADEGA; Pilar Díaz, concelleira de E.U.-I.U. en Mugardos; Colectivo Verdegaia, S.G.H.N.; Manuel Del Río, Asociación de Amigos del Ferrocarril; José María Freire, U.S.T.G.; Rosa Méndez, escritora, Pepe Leira, poeta; Pepe Costela, cantante; Faltriqueira, grupo musical; Os cubatas de Focking, cantantes; Os Cempés, grupo musical; Pulpiño Viascon e Tourn Flores, grupo musical; A revolta, asociación cultural; diferentes membros de Burla Negra, e diversos colectivos sociais, culturais, ecoloxistas, etc.

Arquivado en Adhesións, Peche no Concello | Comentarios desactivados en A Plataforma de Veciños/as O Cruceiro de Meá convoca unha Asemblea Aberta para o sábado 10 de novembro

O domingo 28, adhesión de Burla Negra

26 de Outubro do 2007 publicado por ocruceirodemea

Burla Negra

O vindeiro domingo día 28 de Outubro ás 18:30, no concello de Mugardos, actuarán, en solidariedade cos veciños pechados en protesta pola localización da planta de gas de REGANOSA no interior da ría de Ferrol, BURLA NEGRA.

Invitámosvos a tod@s a gozar con estes artistas que solidariamente acoden a apoiar a nosa causa.

¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡ VENCEREMOS !!!!!!!!!!!!!

PLANTA DE GAS FORA DA RÍA

Arquivado en Adhesións, Peche no Concello | Comentarios desactivados en O domingo 28, adhesión de Burla Negra

Terceiro mes de peche

21 de Outubro do 2007 publicado por ocruceirodemea

Actos para o 3º mes

O martes día 23 de outubro ás 19:30 horas, actuarán Fran Rey ao piano e Germán Lamas, voz y Luis Cuba al bajo, solidarizandose deste xeito cos veciños pechados desde fai xa 3 meses no concello de Mugardos, en protesta da localización da planta de gas de REGANOSA no interior da ría de Ferrol.

Agradecendo a todos a vosa presenza enviámosvos un cordial saúdo.

Arquivado en Adhesións, Peche no Concello | Comentarios desactivados en Terceiro mes de peche

Terceiro mes de peche

19 de Outubro do 2007 publicado por ocruceirodemea

Benqueridas amigas e amigos:

Como xa todos saberedes, o día 23 de Outubro o grupo de veciños pechados no concello de Mugardos cumpriremos 3 meses desde aquel 23 de Xullo que decidimos deste xeito, protestar contra a ABERRACIÓN que representa a ubicación da Planta de Gas Natural Licuado da empresa REGANOSA no interior da ría de Ferrol.

A nosa loita sería infinitamente máis pesada sen a colaboración de todos e cada un de vós que tanto en persoa como por teléfono como por correo electrónico, artigos de prensas, ou por calquera outro medio de comucación, sempre tivestes algunha palabra de ánimo e sentistes este peche como o voso propio.

É por iso que o vindeiro martes día 23 de Outubro invitámosvos a que veñades polo concello de Mugardos onde teremos preparadas algunhas actuacións que, ó igual que a vosa presenza, vannos a dar ese soplo de aire fresco y esa mostra de solidariedade para poder continuar.

A día de hoxe non temos aínda rematado o cartel de actuacións, pero no que queda de semana farémovolo saber para que, así vós podades elixir o mellor momento para achegarvos ata aquí.

Temos razón e temos que demostralo, temos o apoio da xente que vai un pouco máis aló do comentario mezquino dos necios ignorantes e nolo estades demostrando día a día co voso agarimo, imos gañar e entre todos conseguirémolo.

¡¡¡ GRAZAS !!!

VENCEREMOS
PLANTA DE GAS FORA DA RÍA
A RÍA É NOSA E NON DE REGANOSA

Arquivado en Peche no Concello | Comentarios desactivados en Terceiro mes de peche

Actos públicos para o xoves 11

9 de Outubro do 2007 publicado por ocruceirodemea

Virginia Calvo

O día 11 de outubro, ás 20:00 horas no Concello de Mugardos, Virginia Calvo Manuel Cociña ofrecerá un concerto de acordeón amosando a súa solidariedade coa veciñanza pechada desde o 23 de xullo.

A continuación proxectarase o curto de animación «1977» de Peque Varela.

Actualización do 10/10/2007: Por motivos persoais o concerto de acordeón interpretaráo Manuel Cociña en lugar de Virginia Calvo como así estaba anunciado.

Arquivado en Adhesións, Peche no Concello | Comentarios desactivados en Actos públicos para o xoves 11

Día 77: Caravana de automóbiles contra o atraque dun novo gaseiro

7 de Outubro do 2007 publicado por ocruceirodemea

wp_cross_river.jpg

Sobre as 15:00 horas do domingo 7 de outubro atracaba o oitavo gaseiro en Punta Promontorio, onde se atopa a regasificadora de gas natural licuado de Reganosa. Minutos antes, unha nutrida representación da veciñanza pechada no Concello de Mugardos, oposta á localización desta instalación, atopábase nas inmediacións da factoría gasística, así como unha multitude de persoas convocadas polo Comité Cidadán de Emerxencia, desprazadas dende Ferrol en caravana de vehículos termando bandeiras co slogan «Planta de gas fora da ría» e coreando “a ría é nosa e non de Reganosa” entre outros, como acto de protesta por esta nova descarga de GNL.

Unha vez rematado o atraque, a devandita caravana desprazouse polas rúas de Mugardos.

Arquivado en Peche no Concello | Comentarios desactivados en Día 77: Caravana de automóbiles contra o atraque dun novo gaseiro

Terceira agresión contra o movimento veciñal

7 de Outubro do 2007 publicado por ocruceirodemea

Pancarta queimada

Na madrugada do día 7 de outubro, sobre as 6:30 horas, descoñecido(s) queimaron a pancarta que os veciños pechados o Concello de Mugardos tiñamos colocada na fachada principal do edificio, onde se indicaba o número de días que desde o 23 de xullo levamos pechados, 75 naquel momento.

A pesares de que os representantes do peche a esa hora nos atopabamos no interior do edificio, os culpables do acto vandálico non dubidaron en poñer en perido as nosas vidas, poidendo provocar queimaduras ou algún problema grave de intoxicación se o lume ou o fume entrasen no local.

Queremos lembrar que esta é xa a terceira agresión que os veciños pechados sufrimos durante a nosa protesta no Concello:

  1. Secuestro do mural por parte do Alcalde.
  2. Explosión dun artefacto no interior dun contedor de vidro, preto das vivendas dos veciños e do local onde habitualmente realizamos as nosas reunións.
  3. Queima da pancarta á que nos referimos neste comunicado.

Unha vez máis denunciamos que nos sentimos perxudicados perante este tipo de grupos de intransixentes que pretende impedir a liberdade de expresión de xente que protestamos cívica e exemplarmente contra a localización da planta de gas no interior da ría de Ferrol de Reganosa.

Significar que no momento de enviar este comunicado xa se presentou a oportuna denuncia por parte da Asociación de Veciños O Cruceiro de Meá.

Significar tamén que aínda non se presentou no Concello de esta localidade nin o Alcalde, Xosé Fernández Barcia, nin ningún outro membro da corporación, ao obxecto e se interesar polos feitos acontecidos.

Aproveitamos tamén para lembrarvos que hoxe, ás 14:00 horas, hai unha concentración caceirolada no peirao de Ferrol como protesta pola entrada do oitavo gaseiro para Reganosa. A continuación unha caravana de vehículos desprazarase dende o peirao de Ferrol ata os tanques de Reganosa (Mugardos), coa chegada prevista para as 15:15 horas.

Arquivado en Denuncia, Peche no Concello | Comentarios desactivados en Terceira agresión contra o movimento veciñal

Día 68: Adhesión de Uxía Senlle

28 de Setembro do 2007 publicado por ocruceirodemea

Ux�a Senlle

Uxia Senlle, artista galega, música e cantante, é unha das persoas que representa unha parte da cultura galega. Persoa comprometida co seu País, desde moi nova, mais coñeceselle principalmente a raíz do afundimento do buque Prestige en novembro de 2002 fronte ás costas galegas, Uxía actuou como voceira do colectivo cidadán Nunca Máis que reclamaba a depuración de responsabilidades e unha maior proteccion do medio mariño e litoral. Anos despois, en 2006, Uxía volveu actuar como voceira de Nunca Máis durante a crise dos incendios forestais de agosto de 2005 e 2006.

A participación de Uxía Senlle, nun acto de solidariedade coa veciñanza de Mugardos pechada na Casa do Concello, ten un valor simbólico moi importante, e de referencia para o País, dado que Uxía representou ao movimento popular e cidadán máis importante dos últimos tempos na Galiza como foi NUNCA MÁIS.

Difundamos esta actuación e visita de Uxía á veciñanza de Mugardos, así como a manifestación do vindeiro domingo 30 de setembro, ás 12 do mediodía no Porto de Ferrol, contra o despropósito gasístico de REGANOSA.

Arquivado en Adhesións, Peche no Concello | Comentarios desactivados en Día 68: Adhesión de Uxía Senlle

Comunicado perante o atentado de hoxe

25 de Setembro do 2007 publicado por ocruceirodemea

A Plataforma de Veciños O Cruceiro de Meá manifesta publicamente a súa máis enérxica condena perante o atentado contra a seguridade dos veciños do Novás – Meá, no Concello de Mugardos, zona afectada pola explosión producida na estrada AC-133, punto quilométrico 9,100 ás 3:10 horas da madrugada do día 25 de setembro de 2007.

Ao mesmo tempo instan aos corpos de seguridade do Estado que están levando a cabo a investigación sobre os feitos, a que poñan o máximo empeño para o pronto esclarecemento dos feitos.

Por outra parte queremos facer saber a tódolos que se sintan mal informados que os grandes perxudicados e ameazados pola explosión do contedor de vidro somos os propios veciños da parroquia de Meá, debido ao achegado tanto das casas habitadas e vehículos particulares, como do local social empregado para reunións por parte da nosa Plataforma de Veciños O Cruceiro de Meá, situada a escasos 30 metros do lugar da explosión.

Arquivado en Denuncia, Peche no Concello | Comentarios desactivados en Comunicado perante o atentado de hoxe

Día 62: Adhesión de artistas e intelectuais, e de blogueiros galegos

22 de Setembro do 2007 publicado por ocruceirodemea

Manifesto dos artistas e intelectuais contra da planta de gas na ría de Ferrol

Os que abaixo asinan, manifestan o seu total desacordo coa ubicación da planta de gas natural licuado dentro da pequena e angosta Ría de Ferrol. Unha planta de gas que Reganosa está construíndo –sen ter acreditado que cumpre coa lexislación vixente– nas proximidades de núcleos de poboación que suman máis de 100.000 habitantes, cuxa vida quedaría ameazada en caso de entrar en funcionamento. Igualmente, a súa presenza suporía un risco permanente, xunto ó engadido polo complexo petroquímico chamado “Forestal del Atlántico S.A.” e a entrada de buques gaseiros cargados de GNL, cuxa ruta de navegación pasaría a escasa distancia da poboación e do arsenal naval militar.

Igualmente, no caso de entrar en funcionamento, Reganosa ameazaría a riqueza natural da Ría, que é o medio de vida de preto dun milleiro de mariscadores. Así mesmo, seria un grave obstáculo para a declaración de Patrimonio da Humanidade, proposta para os castelos e arsenais, ademas de provocar perdas no patrimonio histórico e na potencialidade turística.

Os abaixo asinantes denunciamos que é imposible que Reganosa poida cumprimentar os condicionados impostos na autorización da súa construción, en canto a distancias de seguridade respecto das poboacións próximas e para unha saída de urxencia dos buques gaseiros, co cal non estarían salvagardadas nin as persoas nin os seus bens.

Por todo isto, manifestamos:

  1. O nosa petición de que sexan retiradas tódalas denuncias que afectan ós traballadores do mar, na Ría de Ferrol, implicados neste proceso da súa defensa e en contra da ubicación da planta de gas de Reganosa.
  2. O noso total desacordo coa ubicación da planta de gas natural licuado no interior da Ría de Ferrol. Asimesmo, solicitamos ó goberno da Xunta de Galicia que recupere o Porto Exterior como espacio axeitado para a instalación da Planta de gas, prevista nese lugar dende o ano 1994.
  3. O noso apoio á manifestación que terá lugar en Ferrol o próximo día 30 de setembro, en protesta pola existencia dunha planta de gas nun lugar totalmente inadecuado e a nosa solicitude ás autoridades competentes de que non aproben a acta de explotación comercial ou de funcionamento definitivo de Reganosa, do mesmo modo que pedimos a reconversión do complexo petroquímico de Punta Promontoiro, por ameazar a vida da poboación e a riqueza marisqueira da Ría.

Blogueiros galegos
Manifesto de solidariedade dos blogueiros galegos coa Plataforma de Veciños O Cruceiro de Meá

Quen asinamos máis abaixo solidarizámonos coa Plataforma de Veciños do Cruceiro de Meá (Mugardos), pechados na Casa do Concello de Mugardos desde o mes de xullo, porque cremos que calquera veciño, calquera cidadán ou habitante, deste país ou de calquera outro, ten o dereito a que non lle estraguen a súa paisaxe e seu o contorno, e a non vivir a súa vida baixo a ameaza silenciosa dun perigo terríbel.

Quen asinamos este manifesto acreditamos que a xustiza e as leis que nos damos teñen que servir para defender os principios de igualdade e de liberdade, e non para protexer os intereses dos máis poderosos e xustificar as decisións que estes toman á marxe de toda legalidade e amparándose nos recantos máis escuros da sociedade e da humanidade.

Quen asinamos estas liñas acreditamos nun modelo de desenvolvemento sustentábel e autocentrado, que non repita os erros que se cometeron no pasado ao localizar empresas en sitios inaxeitados, e ao promover industrias de enclave que dun ou doutro xeito acaban por explotar e esgotar os recursos naturais que tamén son patrimonio de alguén, nosos ou doutros pobos.

Quen asinamos aquí sabemos que a existencia de REGANOSA en Punta Promontoiro trouxo tamén consigo a miseria e a baixeza morais de quen quixo ou precisou poñerse do lado dos poderosos, así como a tristura de ver enfrontados a veciños con veciños e a familias con familias, e que non hai forma máis implacábel de acabar cunha comunidade que destrozala dividíndoa desta maneira.

Quen asinamos temos a esperanza de que se traslade esta instalación fóra da Ría de Ferrol, na súa localización primixénea e ideal do Porto Exterior, e estamos convencidos de que aconteza o que aconteza coa nosa causa, moitas outras persoas están atendendo e entendendo, compartindo, ensinando e aprendendo desta loita que ante todo é xusta e fraternal.

Arquivado en Adhesións, Peche no Concello | Comentarios desactivados en Día 62: Adhesión de artistas e intelectuais, e de blogueiros galegos

« Previous Entries