O 6 de setembro presentouse o recurso de súplica contra a desestimación das medidas cautelares de suspensión da actividade da planta presentado hoxe ante o Tribunal Superior de Justicia de Madrid por parte das asociacións veciñais agrupadas no Comité Cidadán de Emerxencia.
Neste recurso as asociacións veciñais volven a pedir ao Tribunal que suspenda a entrada de buques na ría, xa que dito tráfico supón un perigo claro e directo para a poboación e a vida na ría, sendo estes –a protección da poboación e dos recursos naturais– os intereses xerais que deben ser protexidos de xeito cautelar e prioritario, e non os puramente patrimoniais de Reganosa.
No mesmo senso, as asociacións explican no seu escrito por que a adopción dunha medida como a solicitada tampouco suporá prexuízo algún para o sistema gasista galego ou español, en tanto que este atópase, precisamente por razón da actividade en Reganosa e da súa mala planificación, con problemas para canalizar todo o gas que a planta de Mugardos está inxectando, durante a fase de probas, nunha rede que hoxe por hoxe está saturada.
Como fundamento das súas alegacións as asociacións facilitaron ao TSJ de Madrid o informe da Comisión Nacional de Energía, do 14 de junio de 2007, no que este organismo –como medida para paliar os problemas que está a plantexar Reganosa ao sistema– chega a propoñer, incluso, o desvío dos buques destinados a Mugardos cara outras plantas de regasificación españolas que, por contar con consumo abondo, non estean saturadas para así, dende as devanditas plantas, seguir subministrando a Galicia.
O problema é que Reganosa a día de hoxe non conta con clientes abondo para dar saída ao gas que regasifica e isto é así porque os seus propios socios incumpriron os seus compromisos de compra de gas; compromisos que, paradoxalmente, foron os que no seu día lles permitiron obter o placet da CNE, xa que con eles maquillaron a viabilidade económico-financieira do proxecto.
O proxecto de Reganosa non só resultou ser un disparate por razón do seu emprazamento e do perigo potencial que supón para os cidadáns de Ferrolterra, senón que pode rematar sendo, asemade, un fracaso para o sistema gasista porque os seus promotores tamén enganaron respecto da súa viabilidade económico-financieira.
E o peor de todo será que a ineficiencia do sistema gasista provocado por Reganosa non o pagarán senón os petos de tódolos cidadáns a quen lles resulta máis caro o gas por culpa dun proxecto que naceu ineficiente e marcado polas irregularidades e corruptelas.
Os Cempés, o domingo en Mugardos
Lembrar tamén que o día 9 de setembro, ás 20:00 horas, actuará na praza do Concello de Mugardos o grupo musical Os Cempés, amosando o seu apoio e solidariedade cos pechados no concello dende o día 23 de xullo.
chúzame -