Día 31: Adhesión da Plataforma en Defensa da Ría de Pontevedra, Fran rey e Julie Guravich

22 de Agosto do 2007 publicado por ocruceirodemea

Antón Masa

Mañá día 23 de agosto cúmplese un mes do peche no Concello de Mugardos por parte dos veciños de Meá, e seguimos sen ter contestación ás peticións de entrevistas realizadas ao Presidente da Xunta de Galicia, ao Director Xeral de Política Enerxética e ao Ministro de Industria, Turismo y Comercio. Polo tanto, seguimos á espera de que esas entrevistas se nos concedan para explicar a nosa posición sobre as medidas contempladas nas diferentes autorizacións, constructivas e administrativas, que son de imposible cumplimento por parte de Reganosa, e para lembrar que existe unha sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que indica a obrigatoriedade de realizar un Estudo de Impacto Ambiental, e non de efectos ambientais como se realizou. Esta sentenza, lembrarán, é do ano 2006, e atópase recurrida pola Xunta de Galicia e Reganosa.

Perante esta falta de resposta por parte das administracións, a Plataforma de Veciños O Cruceiro de Meá organizou unha marcha á Fonsagrada para o sábado día 25, con motivo da visita ao lugar do Presidente do Goberno de España, José Luis Rodríguez Zapatero, para, deste xeito, amosar a nosa repulsa á construcción da planta de gas no interior da ría de Ferrol.

Queremos informarlles de que a día de hoxe, 22 de agosto, visitounos e amosaron a súa solidariedade e apoio o presidente da Plataforma para a Defensa da Ría de Pontevedra Antón Masa.

Julie Guravich

Continuando coas actividades culturais e artísticas que seguimos levando a cabo tamén actuou no díai de hoxe Fran Rey (teclados) xunto con Julie Guravich (cantante). Destacar que todas estas actuacións son realizadas de xeito desinteresado por parte dos artistas que acoden, amosando desta maneira o seu apoio e solidariedade.

Noutra orde de cousas, anunciarlles tamén que o vindeiro venres 24 de agosto ás 16:00 horas, partirá unha marcha a pe dende o peirao de Ferrol ata o concello de Mugardos (17 Km. aprox.), organizada polo Comité Cidadán de Emerxencia, como acto de rexeitamento ás instalacións de Reganosa no interior da ría e en apoio e solidariedade cos veciños pechados no Concello de Mugardos pola devandita causa.

Arquivado en Adhesións, Peche no Concello | Comentarios desactivados en Día 31: Adhesión da Plataforma en Defensa da Ría de Pontevedra, Fran rey e Julie Guravich

Os comentarios están pechados.