Día 9: Adhesión da Plataforma Ártabra 21

31 de Xullo do 2007 publicado por ocruceirodemea

“A Plataforma Ártabra21 quere amosar a adhesión e solidariedade coa poboación de Mugardos máis preocupada pola amenaza que supón a PLANTA DE GAS preto de seus fogares.

A Plataforma Ártabra21 expresa a súa solidariedade coa veciñanza que decidiron efectuar un peche indefinido na Casa do Concello de Mugardos para que a Xunta de Galiza, gobernada polo PSOE-BNG, atenda as súas demandas cidadás.

A veciñanza de Mugardos afectada polos 400 metros de zona de seguridade que preve o Plano de Emerxencias Exterior para REGANOSA, aprobado polo Consello Xeral da Xunta de Galicia o pasado 19 de xullo, sigue pechada na casa do Concello de Mugardos. Este feito tivo importante repercusión mediática. A indignación da veciñanza, diante dun Plano de Emerxencias que é un verdadeiro despropósito, elaborado de costas á veciñanza afectada, á propia administración municipal, e mesmo sen ter en conta aos servizos de emerxencias da comarca (bombeiros, urxencias hospitalarias, urxencias 061, Protección Civil, autoridades locais…).

Un Plano de Emerxencias, aprobado en tempo recor só co propósito de avalar, e acelerar, a entrada en funcionamento de REGANOSA. Regasificadora cuestionada, non só polo movimento cidadán da Ría, senon que polos propios tribunais da Galiza, en sendas sentenzas do TSXG, tribunais que algún respecto e credibilidade mereceralle a un goberno da Galiza.

Porque eles saben que REGANOSA non pode cumprir os condicionados de distancia de seguridade ante núcleos poboados ([2000 metros), a evidencia aforra palabras e o de que os buques gaseiros podan saír a mar aberto en caso de emerxencia polos seus propios medios, cousa que non é posíbel, porque tanto para entrar como para saír necesitan a intervención de práticos do porto e catro remolcadores e por que no caso de estar cargado de GNL, só pode saír, en pleamar diurna e durante escasa media hora (en marea morta), por unha canle angosta de 4.000 metros de lonxitude e moi estreita, cunha zona de navegación de só 150 metros de ancho. TODO UN DESPROPÓSITO.”

Arquivado en Adhesións, Peche no Concello | Comentarios desactivados en Día 9: Adhesión da Plataforma Ártabra 21

Os comentarios están pechados.