Día 44: Resultado da xuntanza co Director General de Política Energética y Minas

4 de Setembro do 2007 publicado por ocruceirodemea

Logo de 43 días de peche unha representación da Asociación de Veciños «O Cruceiro de Meá» foi recibida polos máximos responsables da Dirección General de Política Energética y Minas do Ministerio de Industria.

Os responsables do Ministerio amosáronse realmente receptivos á información facilitada pola asociación en relación co grande número de irregularidades cometidas no procedemento de outorgamento das sucesivas autorizacións que, de xeito fraudulento, veu obtendo Reganosa, e comprometéronse a estudar a posibilidade de volver a solicitar informe a tódolos organismos substantivamente competentes –e que no seu día informaron a favor da planta, sempre que se cumprisen determinadas condicións– para que, con carácter previo ao outorgamento do permiso de posta en funcionamento, se pronuncien sobre si, efectivamente, a planta construída é respectuosa cos requirimentos que se lle impuxeron. Temos que lembrar que a autorización de construción da planta condicionouse, entre outras cuestións, a que se respectasen as distancias de seguridade aos núcleos de poboación e que aos buques, en caso de emerxencia, puidesen abandonar a ría á maior brevidade e polos seus propios medios.

Asemade, os responsables do Ministerio de Industria aceptaron elevar a solicitude da asociación de ser recibidos, ben polo Secretario General de Energía, ben polo propio Ministro, Sr. Clos. Neste senso, desde a asociación informouse da decisión adoptada de xeito unánime polos veciños de continuar co peche en tanto non se produzan estes encontros.

Arquivado en Peche no Concello | Comentarios desactivados en Día 44: Resultado da xuntanza co Director General de Política Energética y Minas

Os comentarios están pechados.