Día 62: Adhesión de artistas e intelectuais, e de blogueiros galegos

22 de Setembro do 2007 publicado por ocruceirodemea

Manifesto dos artistas e intelectuais contra da planta de gas na ría de Ferrol

Os que abaixo asinan, manifestan o seu total desacordo coa ubicación da planta de gas natural licuado dentro da pequena e angosta Ría de Ferrol. Unha planta de gas que Reganosa está construíndo –sen ter acreditado que cumpre coa lexislación vixente– nas proximidades de núcleos de poboación que suman máis de 100.000 habitantes, cuxa vida quedaría ameazada en caso de entrar en funcionamento. Igualmente, a súa presenza suporía un risco permanente, xunto ó engadido polo complexo petroquímico chamado “Forestal del Atlántico S.A.” e a entrada de buques gaseiros cargados de GNL, cuxa ruta de navegación pasaría a escasa distancia da poboación e do arsenal naval militar.

Igualmente, no caso de entrar en funcionamento, Reganosa ameazaría a riqueza natural da Ría, que é o medio de vida de preto dun milleiro de mariscadores. Así mesmo, seria un grave obstáculo para a declaración de Patrimonio da Humanidade, proposta para os castelos e arsenais, ademas de provocar perdas no patrimonio histórico e na potencialidade turística.

Os abaixo asinantes denunciamos que é imposible que Reganosa poida cumprimentar os condicionados impostos na autorización da súa construción, en canto a distancias de seguridade respecto das poboacións próximas e para unha saída de urxencia dos buques gaseiros, co cal non estarían salvagardadas nin as persoas nin os seus bens.

Por todo isto, manifestamos:

  1. O nosa petición de que sexan retiradas tódalas denuncias que afectan ós traballadores do mar, na Ría de Ferrol, implicados neste proceso da súa defensa e en contra da ubicación da planta de gas de Reganosa.
  2. O noso total desacordo coa ubicación da planta de gas natural licuado no interior da Ría de Ferrol. Asimesmo, solicitamos ó goberno da Xunta de Galicia que recupere o Porto Exterior como espacio axeitado para a instalación da Planta de gas, prevista nese lugar dende o ano 1994.
  3. O noso apoio á manifestación que terá lugar en Ferrol o próximo día 30 de setembro, en protesta pola existencia dunha planta de gas nun lugar totalmente inadecuado e a nosa solicitude ás autoridades competentes de que non aproben a acta de explotación comercial ou de funcionamento definitivo de Reganosa, do mesmo modo que pedimos a reconversión do complexo petroquímico de Punta Promontoiro, por ameazar a vida da poboación e a riqueza marisqueira da Ría.

Blogueiros galegos
Manifesto de solidariedade dos blogueiros galegos coa Plataforma de Veciños O Cruceiro de Meá

Quen asinamos máis abaixo solidarizámonos coa Plataforma de Veciños do Cruceiro de Meá (Mugardos), pechados na Casa do Concello de Mugardos desde o mes de xullo, porque cremos que calquera veciño, calquera cidadán ou habitante, deste país ou de calquera outro, ten o dereito a que non lle estraguen a súa paisaxe e seu o contorno, e a non vivir a súa vida baixo a ameaza silenciosa dun perigo terríbel.

Quen asinamos este manifesto acreditamos que a xustiza e as leis que nos damos teñen que servir para defender os principios de igualdade e de liberdade, e non para protexer os intereses dos máis poderosos e xustificar as decisións que estes toman á marxe de toda legalidade e amparándose nos recantos máis escuros da sociedade e da humanidade.

Quen asinamos estas liñas acreditamos nun modelo de desenvolvemento sustentábel e autocentrado, que non repita os erros que se cometeron no pasado ao localizar empresas en sitios inaxeitados, e ao promover industrias de enclave que dun ou doutro xeito acaban por explotar e esgotar os recursos naturais que tamén son patrimonio de alguén, nosos ou doutros pobos.

Quen asinamos aquí sabemos que a existencia de REGANOSA en Punta Promontoiro trouxo tamén consigo a miseria e a baixeza morais de quen quixo ou precisou poñerse do lado dos poderosos, así como a tristura de ver enfrontados a veciños con veciños e a familias con familias, e que non hai forma máis implacábel de acabar cunha comunidade que destrozala dividíndoa desta maneira.

Quen asinamos temos a esperanza de que se traslade esta instalación fóra da Ría de Ferrol, na súa localización primixénea e ideal do Porto Exterior, e estamos convencidos de que aconteza o que aconteza coa nosa causa, moitas outras persoas están atendendo e entendendo, compartindo, ensinando e aprendendo desta loita que ante todo é xusta e fraternal.

Arquivado en Adhesións, Peche no Concello | Comentarios desactivados en Día 62: Adhesión de artistas e intelectuais, e de blogueiros galegos

Os comentarios están pechados.