Terceira agresión contra o movimento veciñal

7 de Outubro do 2007 publicado por ocruceirodemea

Pancarta queimada

Na madrugada do día 7 de outubro, sobre as 6:30 horas, descoñecido(s) queimaron a pancarta que os veciños pechados o Concello de Mugardos tiñamos colocada na fachada principal do edificio, onde se indicaba o número de días que desde o 23 de xullo levamos pechados, 75 naquel momento.

A pesares de que os representantes do peche a esa hora nos atopabamos no interior do edificio, os culpables do acto vandálico non dubidaron en poñer en perido as nosas vidas, poidendo provocar queimaduras ou algún problema grave de intoxicación se o lume ou o fume entrasen no local.

Queremos lembrar que esta é xa a terceira agresión que os veciños pechados sufrimos durante a nosa protesta no Concello:

  1. Secuestro do mural por parte do Alcalde.
  2. Explosión dun artefacto no interior dun contedor de vidro, preto das vivendas dos veciños e do local onde habitualmente realizamos as nosas reunións.
  3. Queima da pancarta á que nos referimos neste comunicado.

Unha vez máis denunciamos que nos sentimos perxudicados perante este tipo de grupos de intransixentes que pretende impedir a liberdade de expresión de xente que protestamos cívica e exemplarmente contra a localización da planta de gas no interior da ría de Ferrol de Reganosa.

Significar que no momento de enviar este comunicado xa se presentou a oportuna denuncia por parte da Asociación de Veciños O Cruceiro de Meá.

Significar tamén que aínda non se presentou no Concello de esta localidade nin o Alcalde, Xosé Fernández Barcia, nin ningún outro membro da corporación, ao obxecto e se interesar polos feitos acontecidos.

Aproveitamos tamén para lembrarvos que hoxe, ás 14:00 horas, hai unha concentración caceirolada no peirao de Ferrol como protesta pola entrada do oitavo gaseiro para Reganosa. A continuación unha caravana de vehículos desprazarase dende o peirao de Ferrol ata os tanques de Reganosa (Mugardos), coa chegada prevista para as 15:15 horas.

Arquivado en Denuncia, Peche no Concello | Comentarios desactivados en Terceira agresión contra o movimento veciñal

Os comentarios están pechados.